Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta de Goberno adxudica o contrato para a redacción do proxecto das obras de rehabilitación do complexo deportivo de Santa Isabel


As obras de rehabilitación integral do polideportivo de Santa Isabel, confinanciadas con Fondos NextGeneration, contan cun orzamento global de preto de 3 millóns de euros e permitirán mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade, a habitabilidade, a seguridade e a conservación do complexo.

O executivo local deu luz verde á adxudicación do contrato de redacción do proxecto e dirección facultativa da rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel, cofinanciado polos Fondos NextGeneration nun 80%, a Jorge Barata Martínez por un importe de 298.323,18 euros, IVE incluído.

As obras de mellora e renovación do complexo deportivo Santa Isabel terán un custo total de 2.975.903,26 euros, dos cales 2.340.149 euros se corresponden coa axuda do goberno e 634.754,21 euros, coa achega do Concello. Esta reforma permitirá mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade, a habitabilidade, a seguridade e a conservación do complexo deportivo, construído en 1983, o que o converte nun dos edificios máis antigos da cidade,

Unha das prioridades será a da mellora da eficiencia enerxética, coa posta en marcha dunha serie de medidas destinadas non só a reducir o consumo de enerxía do edificio e as emisións, senón tamén a mellorar as súas condicións térmicas interiores e adaptalo á normativa actual.

Entre as melloras que se levarán a cabo están a incorporación de novos revestimentos na envolvente térmica da fachada e a cuberta para facilitar o illamento térmico. Instalaranse tamén dúas bombas de calor, unha para a produción térmica do edificio, que apoie as caldeiras existentes para a produción de calor e de frío nos espazos actuais, e outra para a produción de ACS e quecemento de piscina.

Tamén se prevé mellorar o sistema de ventilación coa substitución dos actuais ventiladores por equipos con recuperación de calor; e o cambio das luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED para conseguir un importante aforro enerxético, así como a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo co obxectivo de reducir o consumo enerxético do edificio.

Dedicarase unha partida de 25.228 euros para mellorar a sustentabilidade coa instalación de elementos de grifería en duchas, lavabos e inodoros que permitan unha redución do consumo de auga, sen rebaixar prestacións aos usuarios.

Tamén se levarán a cabo importantes intervencións para mellorar a accesibilidade ao pavillón polideportivo, co conseguinte traslado do acceso xeral á praza mediante unha escalinata e unha rampla lateral, que permitan un acceso amplo, cómodo e ben dimensionado, que poida repartir o público nas bancadas e que facilite a evacuación en caso de incendio. Prevese, ademais, a incorporación dun ascensor e dunha pasarela, así como a mellora da accesibilidade en aseos e vestiarios adaptados.

No apartado de habitabilidade e seguridade, prevese a adaptación das saídas de emerxencia, renovando a súa sinalización e os mecanismos de apertura, así como a renovación completa da instalación contraincendios. Tamén se adaptarán escaleiras e bancadas, incorporando varandas, pasamáns, e axustando banzos e espazos de acceso.

Por último, dedicarase unha partida para a revisión, reparación e mellora das cubertas da piscina (madeira) e o pavillón (estrutura espacial metálica). Tamén se aproveitará para renovar o local de filtración de piscinas e do seu equipamento, a adaptación da acometida eléctrica do edificio, a renovación de pavimentos de beirarrúas na contorna e acceso ao complexo.

PIREP

Tanto a actuación no pavillón de Santa Isabel como a pavillón de Vite resultaron beneficiarias da Liña 1 do PIREP Local, o programa de axudas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a través dos fondos europeos Next Generation EU. O custo total dos dous proxectos será de 4.301.180,12 euros, cunha achega do Goberno central de 3.319426,96 euros e de 981.753,16 euros de fondos propios do Concello.

Outros asuntos

Nesta sesión, a Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao nomeamento de Pablo Fuentes López como director de Área de Planificación e Xestión Tecnolóxica do Concello de Santiago de Compostela.